O corte de tráfico na rúa Ramón Puga, en Ourense, entrou en vigor este xoves 5 de febreiro ás 22:00 h debido á execución de traballos urxentes de reparación do pavimento, segundo informou a Policía Local do Concello de Ourense.
O peche afecta ao treito comprendido entre a rúa Finca da Marquesa e a rotonda de Barrocás, onde non se permitirá o acceso de vehículos até a finalización das obras.
Corte ao tráfico na rúa Ramón Puga por obras urxentes
Para garantir a seguridade viaria e a fluidez do tráfico, a Policía Local estableceu itinerarios alternativos. O tráfico procedente de Barrocás e Rairo desviarase polas rúas Carlos Velo, José Gil e a estrada de Rairo.

Pola súa banda, os vehículos que accedan desde o centro da cidade e o complexo hospitalario circularán polas rúas Serra San Mamede e Finca da Marquesa.
Desde a Policía Local lembran a necesidade de extremar a precaución, adaptar a condución ás condicións da vía e respectar a sinalización provisional instalada na zona.
O corte de tráfico terá tamén incidencia no servizo de autobuses urbanos, xa que seis liñas deberán modificar os seus percorridos. Trátase das liñas 1 (Sexto Instituto – Barrocás), 2 (Covadonga – Barrocás), 6 (Antiga estación de autobuses – As Curuxeiras), 8 (Alameda – A Milagrosa – Residencia), 11 (O Viso – Santa Mariña) e 13 (Palmés – Universidade Laboral), que circularán por itinerarios alternativos mentres duren os traballos.

