O PSdeG na Deputación de Ourense defenderá no vindeiro pleno un plan de choque para reparar as estradas provinciais da Limia.
Desde o grupo socialista tamén solicitará a creación dunha liña de axuda extraordinaria para os concellos afectados polas inundacións.
O PSdeG reclama un plan urxente para a Limia
O voceiro socialista, Álvaro Vila, visitou a comarca xunto á alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, e advertiu da gravidade da situación.

No límite entre Rairiz e Porqueira, o río Limia volvía este martes a piques de desbordar sobre a estrada que conecta ambos municipios. Esta escena, segundo sinalan, repitese con vías cortadas, vivendas anegadas e explotacións agrarias danadas.
“Estamos ante unha situación de emerxencia real que non admite máis pasividade institucional”, afirmou Vila, quen lembrou que a Deputación ten competencias na rede viaria provincial e debe cooperar cos concellos. Desde o sector primario estiman perdas próximas ao 80% da colleita de cereal de inverno, mentres que municipios como Xinzo de Limia, Sandiás ou Baltar rexistraron incidencias destacadas.
A alcaldesa de Rairiz de Veiga advertiu das limitacións económicas dos municipios. “Non temos recursos suficientes para afrontar esta desfeita. Precisamos apoio real da Deputación”, reclamou Morgade.
A moción socialista propón un plan específico de inspección e reparación das estradas provinciais afectadas e unha liña extraordinaria de axudas para infraestruturas municipais, con tramitación simplificada. “Pedimos que a institución cumpra coas súas obrigas con esta comarca”, concluíu Vila, en nome do Grupo Provincial Socialista.

