Preto de 200 escolares de Primaria abriron esta mañá o Entroido de Ourense 2026 coa celebración do tradicional Xoves de Comadres e Compadres na Praza Maior, nun acto organizado polo Concello.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Educación, Tamara Silva, saudaron a rapazada participante e animárona a implicarse nas actividades programadas para os vindeiros días.
Preto de 200 escolares abren o Entroido 2026
Entre as citas destacadas figuran os concertos infantís de Oviravai (sábado 15), Uxía Lambona (luns 17) e DJ Tibu (martes 18). Estas actuacións forman parte da programación específica para o público máis novo.

O alumnado de 1º a 4º de Primaria dos colexios Vistafermosa, Mestre Vide, Irmáns Villar, As Mercedes e O Couto protagonizou a xornada. Nunha primeira quenda, as nenas defenderon as súas figuras fronte aos intentos dos nenos por llas retirar. Posteriormente, intercambiaron os papeis e foron eles quen asumiron a protección dos seus compadres ante as comadres.
A actividade desenvolveuse con música en directo e propostas de dinamización na Praza Maior. Co obxectivo de preservar esta tradición con coñecemento do seu significado histórico, o Concello impulsou previamente obradoiros nos centros educativos. Neles, persoal especializado explicou a orixe da festa e guiou ao alumnado na elaboración das súas figuras.
Charangas nos colexios pola previsión de choiva
Os desfiles escolares previstos para mañá venres nos barrios de Covadonga, As Lagoas e o centro da cidade non se celebrarán debido ás previsións meteorolóxicas adversas. No seu lugar, a Concellería de Educación organizou visitas de charangas aos propios centros para garantir que o alumnado poida desfrutar do Entroido a cuberto.
En total, programáronse 9 actuacións en 9 colexios.
A Charanga Noroeste actuará ás 10:30 h no CPR A Purísima, ás 11:10 no CPR Cardenal Cisneros, ás 11:40 no CPR Concepción Arenal e ás 12:30 no CPR Maristas.
Pola súa parte, a Charanga Europa visitará ás 10:30 h o CPR Manuel Luis Acuña e ás 11:45 o CPR Luis Vives.
A Charanga Nova de Trives acudirá ás 10:30 h ao CPI José García García, ás 11:30 ao CEIP Mestre Vide e ás 12:30 ao CEIP Curros Enríquez.
O desfile do barrio de Covadonga mantense no calendario e celebrarase finalmente o 20 de febreiro.

