As ramplas mecánicas da rúa da Concordia permanecerán fóra de servizo ata o vindeiro luns, 23 de febreiro, tras sufrir danos por unha incidencia na rede eléctrica.
O corte do servizo prodúcese despois dunha avaría rexistrada o pasado mércores, 11 de febreiro, na rede de subministración de Unión Fenosa Distribución (UFD).
As ramplas da Concordia, inoperativas ata o 23 de febreiro
Segundo informou o Concello de Ourense, un fallo externo provocou unha sobrecarga de tensión que afectou á zona da rúa da Concordia e do Paseo.

Esa subida de tensión danou o sistema electrónico que regula o funcionamento das ramplas, deixando inutilizada a infraestrutura de mobilidade urbana situada nun dos principais eixos comerciais da cidade.
O goberno municipal asumirá a reparación de urxencia para restablecer o servizo no menor prazo posible. Posteriormente, repercutirá os custos á compañía eléctrica, ao considerala responsable directa da incidencia.
A pesar de que as ramplas se atopan aínda en período de garantía, o Concello reclamará igualmente o importe da intervención á empresa subministradora pola súa responsabilidade na avaría.

