O presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez Alonso, realizou unha visita institucional a AEVER Verín.
A visita tiña como obxectivo fortalecer a colaboración empresarial na comarca.
A CEO e AEVER Verín avanzan nun acordo de colaboración
O máximo responsable da patronal ourensá estivo acompañado polo secretario xeral da entidade, Jaime Pereira, nun encontro que se desenvolveu nun clima de cordialidade e entendemento.

Pola súa banda, a presidenta de AEVER, Esther Gómez, recibiu á delegación xunto coa nova xerente da asociación, Beatriz Duarte Lorenzo, que asumiu o cargo este martes.
Durante a xuntanza, ambas organizacións puxeron sobre a mesa os seus principais proxectos e liñas estratéxicas. As dúas entidades coincidiron na necesidade de impulsar accións que reforcen o tecido empresarial de Verín, fomenten o emprendemento e melloren a competitividade das pemes e das persoas autónomas da comarca.
O encontro concluíu cun compromiso claro: avanzar cara a un acordo de colaboración mutua entre a CEO e AEVER Verín. Este marco permitirá coordinar iniciativas, compartir recursos e fortalecer a representación dos intereses empresariais no territorio.
Tanto David Martínez Alonso como Esther Gómez destacaron a importancia de traballar desde a unidade institucional. Esta será clave para afrontar os retos actuais do sector e xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico en Verín e a súa comarca.

