O proxecto eólico AMR 7 en Coto Novelle pasa de sete a catro aeroxeradores tras a modificación presentada pola promotora.
A empresa Aratel solicitou á Xunta a autorización administrativa previa e de construción, xunto co estudo de impacto ambiental. O parque proposto afectará a Cartelle, A Arnoia, Castrelo de Miño e Gomesende.
AMR 7 redúcese a catro aeroxeradores
O emprazamento sitúase no Coto Novelle, entre os ríos Arnoia e Miño, nunha zona elevada a 700 metros que separa a Terra de Celanova e O Ribeiro. Esta zona ten un alto valor paisaxístico pola súa proximidade á Torre de Sande e ao encoro de Castrelo.

Segundo publicou o DOG, a Xunta admite a trámite a documentación actualizada, rexistrada o 17 de novembro de 2025 e o 23 de xaneiro. Ante esta solicitude, abre un novo prazo de alegacións ata o 13 de abril. O plan reformulado non inclúe referencia á planta fotovoltaica asociada de 16.000 módulos que figuraba na proposta inicial.
O novo deseño contempla catro aeroxeradores de 7,2 MW cada un e 200 metros de altura. A infraestrutura ocuparía arredor de 1.000 hectáreas e incorporaría unha subestación no punto máis alto do polígono. Ademais, prevé unha Liña de Alta Tensión de 4 quilómetros ata a subestación de Castrelo de Miño, que sería ampliada cun novo parque exterior de 220 kV.
A plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA lembra que entre novembro de 2024 e febreiro de 2025 presentáronse máis de 1.200 alegacións contra o proxecto inicial e outras 600 contra a planta fotovoltaica. O colectivo, apoiado por comunidades veciñais, SLG, CIG e o BNG das comarcas afectadas, sostén que a redución non elimina os impactos denunciados sobre fauna, avifauna, augas, patrimonio e saúde pública. Tamén critica que a liña eléctrica atravesa unha zona de protección para aves ameazadas.
A entidade anunciou que formulará novas alegacións co obxectivo de frear a tramitación completa do parque.

