O BNG reclama retomar o diálogo tras a suspensión cautelar do requirimento municipal de abandono da Alameda de Ourense por parte das praceiras e praceiros.
A Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de Ourense acordou frear provisionalmente o desaloxo.
O BNG pide diálogo tras a suspensión do desaloxo na Alameda
Segundo sinala o deputado nacionalista Iago Tabarés, “o auto xudicial indica que executar o desafiuzamento suporía paralizar de inmediato a actividade económica, xa que o edificio da Praza non está en condicións de ser ocupado, e recoñece que a ocupación da Alameda foi resultado dun acordo previo”.

Para o BNG, a situación actual mantén ás persoas comerciantes nunha “incerteza permanente”. Sinalan que tamén prexudica á cidadanía, que non pode gozar plenamente nin da Alameda nin dun mercado municipal operativo.
Tabarés anunciou que volverá levar o asunto ao Parlamento de Galiza para esixir, “con carácter urxente e plena transparencia”, un proceso de negociación entre administracións e coa Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos nº 1. O obxectivo, segundo explicou, pasa por adaptar o edificio ao uso comercial, garantir financiamento e fixar prazos concretos.
A formación nacionalista tamén considera prioritario planificar o traslado ordenado ás novas instalacións e recuperar a zona verde da Alameda para uso público, completando as actuacións pendentes na contorna.

