O municipio de A Veiga executará actuacións de mellora do saneamento e da depuración grazas a un convenio asinado entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e o Concello.
Esta actuación contará cun investimento total de 500.000 euros.
A Veiga mellorará o saneamento con 500.000 euros
O acordo foi rubricado polo presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e polo alcalde da localidade, Juan Anta.

O convenio establece as condicións para a financiación e execución das obras de mellora das infraestruturas de saneamento en varios núcleos rurais do municipio e tamén na capital municipal.
Na actualidade existen tramos da rede municipal de saneamento que, debido á súa antigüidade, presentan un importante deterioro. Esta situación provoca alivios polos pozos de rexistro durante episodios de choiva e problemas nos sistemas de depuración. Os mesmos, non están a funcionar de maneira adecuada, chegando a producir vertidos aos cauces sen cumprir cos parámetros de calidade esixidos.
As actuacións previstas inclúen a mellora de varios tramos da rede de saneamento nos núcleos de A Veiga, Casdenodres e Meda. Tamén inclúen a renovación de fosas sépticas e mellora da rede en San Fiz e Seoane.
O investimento ascende a 500.000 euros, dos que o 95 % será financiado pola CHMS e o 5 % restante polo Concello de A Veiga.
Desde o organismo de conca, Quiroga destacou a importancia destas actuacións e subliñou que “desde a CHMS queremos destacar o noso firme compromiso de colaboración na execución de proxectos que axuden a preservar e mellorar a riqueza natural con que conta esta demarcación, en aras dun futuro máis sostible”.

