As socialistas do grupo municipal de Ourense solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario para reforzar as garantías democráticas no funcionamento das sesións plenarias.
A iniciativa chega despois de que o grupo tivese que acudir aos xulgados para que se recoñecese, segundo indican, o seu dereito á participación política.
O PSdeG pide un pleno extraordinario para reforzar as garantías democráticas en Ourense
A voceira socialista, Natalia González, anunciou que rexistrarán nos vindeiros días “unha solicitude formal para a convocatoria dun pleno extraordinario” co obxectivo de abrir un debate institucional sobre a modificación do Regulamento municipal e evitar que se poidan volver vulnerar os dereitos dun edil ou edila.

A petición prodúcese tras o pleno ordinario de marzo, no que se deu lectura á sentenza condenatoria ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, por vulnerar os dereitos fundamentais da portavoz socialista. Durante a sesión, o rexedor cuestionou o ditaminado polas resolucións xudiciais e preguntou á cidadanía: “A quen van a crer? Á xuíza, a Natalia ou a min?”.
Desde o grupo socialista defenden que este debate debe servir para reforzar as normas de funcionamento do pleno municipal e garantir o respecto aos dereitos democráticos de toda a Corporación.

