A posible paralización das obras da Avenida de Portugal en Ourense chega tras anunciar a empresa adxudicataria a suspensión dos traballos pola falta de pagamentos do Concello, segundo denunciou o grupo municipal do BNG.
A compañía encargada da reforma integral desta arteria da cidade comunicou que detén a execución pola “imposibilidade de manter a viabilidade financeira do proxecto ante o incumprimento dos compromisos de pago por parte da Administración local”.
O BNG alerta da paralización das obras da Avenida de Portugal
Segundo explica, o Concello adebeda as facturas de novembro e decembro de 2025 e de xaneiro de 2026, unha situación que fai inviable manter subministracións, maquinaria e persoal.

Para o portavoz nacionalista, Luís Seara, esta situación era previsible. “Levamos meses advertindo de que as obras podían entrar en parálise polos incumprimentos do Goberno local e agora confírmao a propia empresa”, sinala.
O BNG tamén lembra o pleno extraordinario do 31 de xaneiro, no que o goberno local levantou reparos de Intervención para xustificar certificacións das obras e evitar a perda de fondos Next Generation, coa aprobación de PP e PSdeG-PSOE. Segundo Seara, “ese pleno foi un paripé e agora o concelleiro delegado debe explicar por que non se saldaron as débedas”.
Os nacionalistas advirten ademais de que xa existen precedentes similares, como as obras de Rabo do Galo e Salto do Can, que tamén sufriron paralizacións por impagos do Concello á empresa OPAIN SL.

