O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou na cidade unha vivenda baleira inscrita no programa Fogar Vivo, iniciativa da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destinada a mobilizar inmobles cara ao alugueiro accesible.
Durante a visita anunciou que desde o 9 de marzo está aberto o prazo dunha nova convocatoria de axudas, que permanecerá activo ata o 3 de xuño.
A Xunta abre o prazo das axudas do programa Fogar Vivo
O programa conta cun orzamento de máis de 2,8 millóns de euros este ano e prevé mobilizar 5,7 millóns ata 2028.

Na anterior convocatoria concedéronse 239 axudas en Galicia por preto de 1,3 millóns de euros, das que máis de 184.000 euros corresponderon á provincia de Ourense.
Os propietarios poderán recibir ata 16.000 euros por vivenda, dos que 11.000 se destinan á rehabilitación e mellora, incluíndo renovación de electrodomésticos ou sanitarios. Ademais, poderán solicitar ata 3.000 euros para seguros de impago ou multirrisco.
Tamén se prevé unha axuda adicional de 2.000 euros cando a vivenda se alugue a menores de 36 anos, familias con fillos menores ou persoas dependentes. As solicitudes tramitaranse preferentemente por vía electrónica ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e concederanse por orde de entrada.

