Podemos Ourense critica a paralización das obras na Avenida de Portugal e expresa a súa solidariedade coas veciñas e veciños do barrio do Couto e co pequeno comercio da zona.
Segundo a formación morada, estes levan meses soportando as consecuencias dunha actuación que consideran mal planificada.
Podemos critica a paralización das obras na Avenida de Portugal
Segundo indica a formación, a empresa adxudicataria decidiu deter os traballos tras acumular tres meses sen cobrar por parte do Concello. Esta situación, segundo a propia construtora, fai inviable manter financeiramente o proxecto.

Desde Podemos estiman que arredor de 9.000 veciños e veciñas e uns 70 negocios están a verse afectados pola situación, cunha rúa parcialmente levantada, problemas de mobilidade e perdas económicas para o comercio local.
O portavoz da formación en Ourense, Francisco Diéguez, veciño da zona, denunciou o impacto das obras na vida diaria do barrio. “O que está a pasar na Avenida de Portugal é un auténtico despropósito. Non falamos só dunha obra mal xestionada, falamos da vida diaria de miles de persoas que teñen que entrar nas súas casas entre valados, terra e máquinas paradas”, afirmou.
Ao mesmo tempo, Podemos criticou a actitude de PP, PSOE e BNG, aos que acusa de limitarse a denunciar a situación nas redes sociais. Neste sentido, Diéguez lembrou que a súa formación propuxo unha moción de censura contra o alcalde como vía para desbloquear a situación política da cidade.

