A Xunta de Galicia entregou este martes unha nova vivenda pública en réxime de alugueiro no Casco Histórico de Ourense, situada na rúa do Vilar, nun acto no que participou Manuel Pardo, encargado de facer entrega das chaves á persoa adxudicataria.
O inmoble conta cunha superficie útil de 50,65 metros cadrados, distribuídos en vestíbulo, cociña, salón-comedor, baño e un dormitorio.
A Xunta adxudica unha nova vivenda pública no Casco Histórico de Ourense
Ademais, a vivenda dispón de praza de garaxe, un rocho na planta baixa de 5 metros cadrados e un lavadoiro-tendedeiro cunha superficie útil de 8,5 metros cadrados.

Durante a visita, Manuel Pardo destacou que a persoa beneficiaria poderá instalarse de inmediato na vivenda e abonará unha renda mensual adaptada aos seus ingresos. O delegado territorial subliñou que este tipo de actuacións “evidencian o compromiso do Goberno galego por facilitar o acceso á vivenda á cidadanía”.
O representante autonómico lembrou tamén que as persoas interesadas en acceder a futuras adxudicacións poden formalizar a súa inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda durante todo o ano.
Ademais, avanzou novas medidas orientadas a ampliar o perfil de potenciais beneficiarios, especialmente entre a mocidade. Neste sentido, a Xunta prevé elevar o límite máximo de ingresos esixido. Tamén vai incorporar, como novidade, unha reserva do 30% das vivendas destinadas á venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos.
A Administración autonómica manterá tamén a reserva xa existente do 25% para menores de 36 anos nas novas vivendas para venda. Tamén optarán os menores de 36 anos ao 40% das promocións destinadas ao alugueiro.

