A UD Ourense recibiu este martes a homenaxe da cidade na Praza Maior tras lograr o histórico ascenso á Primeira Federación, a terceira categoría do fútbol español.
Centos de afeccionados participaron nun acto institucional organizado polo Concello para recoñecer o éxito deportivo do conxunto ourensán.
A Praza Maior celebra o ascenso da UD Ourense
A recepción comezou ás 20:30 h e contou coa presenza do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, así como de representantes dos catro grupos políticos con representación municipal. O acto estivo conducido polo concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, exxogador do Club Deportivo Ourense.

Durante a celebración, tanto o rexedor como o edil trasladaron os seus parabéns aos xogadores, corpo técnico, directiva e presidente da entidade polo ascenso conseguido, destacando o traballo realizado ao longo da tempada e animando ao club a manter a súa progresión na próxima campaña en Primeira Federación.
A Praza Maior rexistrou unha importante afluencia de público, que quixo compartir coa expedición azul o éxito acadado. Os afeccionados volveron mostrar o seu apoio ao equipo nun ambiente festivo marcado polos cánticos e as mostras de orgullo polo logro conseguido.
A UD Ourense certificou o ascenso tras superar na derradeira eliminatoria de promoción á Unión Balompédica Conquense. O conxunto ourensán impúxose por 1-0 no partido de ida disputado no estadio do Couto e completou a fazaña cun triunfo por 0-2 no encontro de volta celebrado o pasado domingo en Cuenca.
Ese decisivo choque foi seguido por milleiros de seareiros desde Ourense a través dunha pantalla xigante instalada na Praza Maior, escenario que apenas dous días despois volveu converterse no punto de encontro para celebrar un dos fitos máis importantes da historia recente do fútbol ourensán.

