Deportes

Blanca Pereira proclámase campioa de España Sub23

O Sanysec–Ourense Atletismo asinou unha brillante actuación no Campionato de España Sub23, celebrado en Cáceres, ao regresar cunha medalla de ouro e catro postos de finalista entre os seus seis representantes.

A gran protagonista foi Blanca Pereira Rubín, que se proclamou campioa de España cun mellor lanzamento de 60.99 metros.

Blanca Pereira proclámase campioa de España Sub23

A atleta ourensá dominou a competición con autoridade, superando en máis de tres metros e medio á segunda clasificada, Ángeles Jiménez (UCAM Murcia), que alcanzou os 57.28 metros. Tras un primeiro intento nulo, Blanca realizou cinco lanzamentos válidos, catro deles suficientes para asegurar o título nacional.

Blanca Pereira proclámase campioa de España Sub23
Foto: Club Ourense Atletismo.

Ás portas do podio quedou Manuela Blanco, que finalizou na cuarta posición en salto con pértiga. Despois de que as tres primeiras clasificadas superasen os 3.90 metros, a atleta do club ourensán decidiu arriscar directamente sobre os 4 metros. Tras un intento nulo, non conseguiu franquear esa altura e pechou a súa participación cun mellor salto de 3.80 metros.

Outra das actuacións destacadas foi a de Daniela Rubio, que conseguiu dous postos de finalista. No salto de altura rematou quinta cun concurso impecable ata superar o 1.69 metros, mentres que no triplo salto foi sétima grazas a un mellor intento de 12.02 metros.

No lanzamento de martelo, Daniel Villanueva concluíu oitavo cun rexistro de 52.96 metros. O atleta foi mellorando progresivamente ao longo do concurso, pero un quinto lanzamento nulo impediulle acceder aos seis primeiros postos e disputar o último intento.

Tamén participaron Leyla Villar, que foi 31ª na clasificación xeral dos 1.500 metros tras completar a súa semifinal en 4:54.09. Elisa Cerezo terminou na décimo cuarta posición dos 3.000 metros obstáculos cun tempo de 11:27.83.

Botón volver arriba