Noticias

As Xornadas de Folclore reunirán 178 artistas en Ourense

A XLI edición das Xornadas de Folclore converterá de novo a provincia de Ourense no referente internacional da cultura tradicional. As datas da edición de 2026 serán entre os días 10 e 20 de agosto.

O festival, organizado pola Deputación de Ourense desde 1984, reunirá nesta edición 178 artistas de seis agrupacións procedentes de Armenia, Ecuador, Kenia, México, Serbia e Taiwán.

As Xornadas de Folclore reunirán 178 artistas en Ourense

A presentación deste evento celebrouse no Pazo Provincial. Na mesma participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o director artístico, Xulio Fernández; e o director do Centro de Cultura Popular «Xaquín Lorenzo», Xabier Fernández.

As Xornadas de Folclore reunirán 178 artistas en Ourense
Foto: Deputación de Ourense

Fernández destacou o labor do Centro de Cultura Popular para consolidar un evento que sitúa a provincia como «o epicentro folclórico de Galicia». Pola súa parte, Xulio Fernández puxo en valor os 43 anos de historia do festival e o esforzo por innovar en cada edición.

As Xornadas recuperan este ano o seu formato habitual tras as limitacións provocadas pola pandemia en 2020 e 2021 e a edición reducida de 2025 debido aos incendios forestais que afectaron á provincia.

O festival, socio activo de CIOFF-España desde 1999, levará espectáculos gratuítos a numerosos concellos ourensáns para favorecer a descentralización da oferta cultural. Cada noite celebraranse dúas actuacións simultáneas de arredor de 100 minutos.

A inauguración terá lugar o 10 de agosto ás 20.30 horas no Teatro Principal de Ourense. Posteriormente, as actuacións chegarán a Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.

Entre os momentos máis destacados figuran o gran desfile do 18 de agosto desde o Parque de San Lázaro ata a Praza Maior de Ourense. Ese día celebrarase unha actuación conxunta das seis delegacións. Tamén destaca o espectáculo final do 19 de agosto no Auditorio do Castelo de Ribadavia.

Botón volver arriba