O Concello de San Xoán de Río celebra este venres 21 de agosto de 2026 as Xornadas de Historia e Patrimonio, un evento deseñado para descubrir, aprender e valorar o pasado e o patrimonio local a través de diversas actividades abertas ao público.
A programación arranca ás 11:00 horas no Salón de Plenos do Concello coa proxección da película A Espada de Mouruás, dirixida por Lucía Álvarez e producida por Mezzoforte.
Xornadas de Historia e Patrimonio en San Xoán de Río
Este filme afonda na historia que permanece oculta baixo o noso chan, presentada baixo a premisa do «segredo mellor gardado de Mouruás». A obra conta coa voz en off de Lucía Álvarez, guión de José Ramón Fernández, música de Gutier Álvarez e a colaboración de Martín Mazarías Álvarez, entre outros integrantes do equipo técnico.
Pola tarde, a actividade trasládase de novo ao Salón de Plenos ás 16:45 horas coa charla Minería romana, impartida polo xeólogo Eduardo González Clavijo. A conferencia abordará aspectos clave como a minería de ouro romana en Galicia e os orixes da comunidade galega.
Para pechar a xornada, ás 18:00 horas realizarase unha visita guiada que terá como punto de encontro a Fonte de Mouruás, xunto á Pena dos Castros, onde as persoas participantes poderán coñecer de primeira man a riqueza patrimonial do entorno.
O evento conta coa organización e colaboración do Concello de San Xoán de Río, o Grupo de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a Sociedad Geológica Española e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), entre outras entidades.
