Noticias

Os concelleiros non adscritos de Barbadás reclaman rexeneración democrática e desbloquear proxectos

Manuel Ángel Fernández e José Luis Dorribo propoñen limitar as intervencións do alcalde nos plenos, reducir á metade as reunións da Xunta de Goberno e reprobar a xestión do executivo local

Barbadás inicia o novo curso político coa presentación de tres mocións por parte dos concelleiros non adscritos Manuel Ángel Fernández Quintas e José Luis Dorribo Prado, que abandonaron o Partido Popular.

Os concelleiros non adscritos de Barbadás reclaman rexeneración democrática e desbloquear proxectos

As iniciativas serán elevadas ao próximo pleno ordinario e céntranse na modificación do funcionamento dos órganos municipais e na situación de varios proxectos estratéxicos do municipio.

Os concelleiros non adscritos de Barbadás reclaman rexeneración democrática e desbloquear proxectos

Os dous edís propoñen, en primeiro lugar, modificar o Regulamento Orgánico Municipal para limitar as intervencións da Alcaldía unha vez rematadas as quendas de debate. Segundo sosteñen na moción, o actual funcionamento permite ao alcalde intervir ao final das discusións sen límite de tempo, unha situación que consideran prexudicial para o equilibrio entre os grupos da Corporación.

A proposta establece que, tras a segunda quenda de intervencións, a Presidencia declare rematado o debate. Só se permitirían novas intervencións por alusións, cunha duración máxima dun minuto.

Xunta de Goberno cada quince días

A segunda modificación plantexada polos concelleiros non adscritos busca reducir de semanal a quincenal a periodicidade das sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local.

Fernández e Dorribo consideran que a actual frecuencia supón un gasto excesivo e sosteñen que, en determinados períodos, aumentou o número de convocatorias mentres diminuía a duración e o contido das sesións.

A moción defende que a periodicidade quincenal permitiría racionalizar o funcionamento administrativo e reducir custos, mantendo a posibilidade de convocar sesións extraordinarias cando o volume ou a urxencia dos asuntos o requiran.

Reprobación pola parálise de proxectos

A terceira iniciativa consiste nunha moción de reprobación ao actual grupo de goberno, ao que os concelleiros non adscritos responsabilizan da paralización ou abandono de diferentes actuacións que consideran fundamentais para Barbadás.

Entre os proxectos citados figuran a ampliación das piscinas municipais da Valenzá, o desenvolvemento dunha área industrial, a instalación dun elevador de acceso ao centro de saúde e a creación dun centro de día público.

Tamén reclaman avances na integración do municipio no transporte metropolitano, melloras na seguridade cidadá e na Policía Local, a construción dunha rotonda no Ruxidoiro e novas beirarrúas, así como a activación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.

A moción inclúe ademais referencias á situación do persoal municipal, á contratación das brigadas de prevención e extinción de incendios e á necesidade de impulsar medidas de apoio ao comercio local.

Os concelleiros propoñen que o pleno reprobe formalmente a xestión do grupo de goberno e que o executivo informe por escrito á Corporación sobre a situación actual de todos os proxectos incluídos na iniciativa.

As propostas recollen a posición política dos dous concelleiros non adscritos, que aseguran que exercerán unha oposición crítica e centrada, segundo indican, na defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Barbadás.

Botón volver arriba