A Marcha Mundial das Mulleres de Ourense denunciou que Inspección Educativa non recibiu ás nais afectadas polas presuntas agresións machistas no IES Xulio Prieto Nespereira, nunha concentración celebrada este martes diante das dependencias educativas.
Segundo trasladou o colectivo feminista, as familias acudiron a reclamar información sobre as medidas previstas para o inicio do curso 2026-2027.
A Marcha Mundial das Mulleres denuncia falta de respostas no caso do Xulio Prieto
A Marcha asegura que se lles comunicou que non se atopaban no centro nin o director territorial nin a inspectora responsable e denuncia, ademais, un importante despregue policial que, ao seu xuízo, impediu a comunicación entre as familias e a Administración.

O movemento feminista sostén que o remate do pasado curso non pode supoñer o peche dun asunto no que, segundo lembra, se denunciaron situacións de agresións machistas que afectaban a un docente e a outro traballador do instituto e que deron lugar á apertura dos correspondentes expedientes.
A Marcha Mundial das Mulleres reclama coñecer as actuacións realizadas por Inspección Educativa, a Dirección Territorial e a Consellería de Educación, así como as medidas de protección e acompañamento adoptadas para as persoas afectadas.
Entre as súas demandas figuran unha actuación inmediata ante as denuncias, investigacións rigorosas e transparentes, a adopción de medidas cautelares cando sexan necesarias e protocolos claros para evitar que situacións de violencia machista queden, segundo o colectivo, impunes ou silenciadas.
“Queremos centros educativos nos que as nosas fillas sexan escoitadas, acompañadas e protexidas, e unha Administración que actúe antes de que o dano sexa maior”, sinalan desde a organización feminista.
A Marcha Mundial das Mulleres insiste en que a Administración debe ofrecer respostas claras ás familias antes do inicio do novo curso e considera que “o silencio institucional nunca pode ser a resposta ante as violencias machistas”.

