Noticias

O PSOE reclama un plan para recuperar os lavadoiros de Barbadás

O Grupo Socialista levará ao pleno unha proposta para rehabilitar de forma prioritaria os lavadoiros do Regueiro, o Moredo e As Laxes

O PSdeG-PSOE de Barbadás reclamará a creación dun plan municipal para recuperar e conservar os lavadoiros tradicionais do municipio. A proposta, que as concelleiras socialistas levarán ao próximo pleno, inclúe actuacións inmediatas en tres espazos: o lavadoiro do Regueiro, en Barbadás; o do Moredo, en Bentraces; e o das Laxes, en Piñor.

O PSOE reclama un plan para recuperar os lavadoiros de Barbadás

Segundo explica o grupo socialista, Barbadás conta con arredor dunha vintena de lavadoiros repartidos polos diferentes núcleos do municipio. Por iso, defende unha planificación global que permita coñecer o estado de conservación de cada instalación, establecer prioridades e programar as intervencións necesarias.

O PSOE reclama un plan para recuperar os lavadoiros de Barbadás

A voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, destaca o valor histórico e social destes espazos. “Os lavadoiros son moito máis que pedras, fontes e cubertas: son memoria, patrimonio e parte da historia da nosa veciñanza”, afirma.

Morenza lembra tamén o papel que estes lugares desempeñaron tradicionalmente na vida comunitaria e, especialmente, entre as mulleres, como espazos de encontro, conversación e intercambio de experiencias.

Tres lavadoiros prioritarios

A iniciativa do PSOE propón avanzar na recuperación do lavadoiro do Regueiro, mellorando o tanque, a canle de saída da auga e o seu entorno. A proposta tamén contempla actuar sobre a cuberta, actualmente deteriorada pola humidade, respectando o carácter tradicional da construción.

No caso do lavadoiro do Moredo, en Bentraces, o Grupo Socialista considera urxente unha intervención para retirar a cuberta que contén amianto e substituíla por outra de carácter tradicional, ademais de mellorar o entorno.

“Non podemos aceptar que o lavadoiro do Moredo quede no esquecemento. Hai que buscar unha solución que permita conservar o seu carácter tradicional, garantir a seguridade e recuperar o decoro dun espazo moi apreciado pola veciñanza”, sinala Morenza.

A terceira actuación prioritaria afectaría ao lavadoiro das Laxes, situado no camiño do Pito, en Piñor, co obxectivo de recuperar tanto o elemento patrimonial como o espazo que o rodea.

Limpeza e mantemento periódico

Máis alá destas tres intervencións, a proposta socialista reclama establecer un programa periódico de limpeza e mantemento para evitar o deterioro e o abandono dos lavadoiros tradicionais.

“O que pedimos é algo tan sinxelo como ter unha folla de ruta. Saber en que estado está cada lavadoiro, que precisa, canto custa recuperalo e cando se vai actuar”, afirma a voceira socialista.

Botón volver arriba