O PSdeG-PSOE de Barbadás informou de que conseguiu a aprobación unánime da súa proposta para impulsar a recuperación dos lavadoiros tradicionais do municipio durante o último pleno municipal.
A iniciativa contempla a rehabilitación dos lavadoiros de Barbadás, Bentraces e Piñor. Tamén inclúe a elaboración dun plan de actuación para outros elementos deste patrimonio etnográfico que precisen intervención.
O PSOE logra apoio unánime para recuperar os lavadoiros de Barbadás
A voceira socialista, Victoria Morenza, valorou positivamente o acordo alcanzado por toda a corporación. Advertiu que “aprobar unha moción non pode ser o punto final, senón o punto de partida”.

Por iso, reclamou ao goberno municipal a elaboración dun inventario dos lavadoiros existentes e dun calendario de actuacións que permita determinar as necesidades de cada instalación, os investimentos necesarios e as posibles vías de financiamento.
Desde o PSOE destacan que estes espazos forman parte da memoria histórica e etnográfica das parroquias de Barbadás e consideran necesario evitar o seu progresivo deterioro.
Rexeitan un protocolo de representación institucional
A segunda iniciativa presentada polo Grupo Socialista, destinada a modificar o Regulamento Orgánico Municipal para garantir unha maior representación da corporación nos actos institucionais, non saíu adiante.
Segundo trasladan desde o PSdeG-PSOE, a proposta contou co apoio dos cinco concelleiros socialistas e dos dous non adscritos. PP, BNG e o grupo de goberno votaron en contra.
Morenza criticou o resultado e defendeu que os actos organizados polo Concello deben reflectir a pluralidade política da corporación. “A imaxe que se proxecte debe ser a do Concello, non a dun determinado partido político”, afirmou a voceira socialista.
Apoio á reprobación do goberno municipal
O PSOE tamén apoiou a moción presentada polos concelleiros non adscritos Manuel Quintas e Luis Dorribo para reprobar o grupo de goberno polo bloqueo de proxectos estratéxicos e polo funcionamento das sesións plenarias.
A iniciativa contou co respaldo dos dous non adscritos, os dous concelleiros do BNG e os cinco representantes socialistas. Pola súa banda, votaron en contra os representantes do PP, do goberno municipal e do Partido Galego.
Desde o PSOE sinalan que durante o debate tamén se produciron numerosas referencias á situación política do Concello e á posibilidade dunha moción de censura. Esta cuestión, segundo as socialistas, estivo presente de maneira recorrente ao longo da sesión.
Victoria Morenza afirmou que a situación actual evidencia a dificultade do goberno municipal para acadar acordos e garantir unha maioría estable.
O Grupo Socialista conclúe que o pleno deixou dúas situacións contrapostas: por unha banda, a capacidade de chegar a acordos en asuntos como a recuperación do patrimonio tradicional. Pola outra, a persistencia das discrepancias sobre o funcionamento institucional e político do Concello de Barbadás.

