A nova colleita de Pataca de Galicia certificada comeza a chegar aos puntos de venda coincidindo co avance da campaña de recollida nas diferentes zonas produtoras galegas.
A IXP Pataca de Galicia celebrou este mércores un encontro nunha das fincas amparadas pola indicación. O encontro é para visibilizar os traballos de recollida da nova colleita.
A nova colleita da Pataca de Galicia certificada chega aos puntos de venda
O acto contou coa participación do presidente da IXP, José Manuel Gómez, membros do Consello Regulador e representantes do sector.

A recollida constitúe un dos momentos destacados do ano para agricultores, almacenistas e demais operadores vinculados á Pataca de Galicia. O produto amparado pola IXP está sometido aos requisitos e controis establecidos polo Consello Regulador. Este permite garantir a súa orixe, trazabilidade e cumprimento dos estándares de calidade.
Dispoñible progresivamente
Co avance da campaña, a pataca certificada da nova colleita xa comeza a estar dispoñible para os consumidores. Nas próximas semanas aumentará a súa presenza en grandes superficies, supermercados, tendas especializadas e establecementos de alimentación. Tamén estarán activos os canais de venda en liña, tanto en Galicia como no resto de España.
A IXP lembra aos consumidores a importancia de comprobar o etiquetado e os elementos identificativos da Indicación Xeográfica Protexida á hora de adquirir o produto, xa que estes distintivos permiten identificar a Pataca de Galicia certificada e coñecer a súa procedencia.

A nova campaña pon tamén en valor o traballo realizado ao longo de todo o ciclo de cultivo polos agricultores, almacenistas e operadores inscritos, dentro dunha cadea orientada a garantir a calidade, a trazabilidade e a orixe da pataca certificada.
