As Areeiras da Limia centraron este sábado unha ruta guiada organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), coa colaboración da Consellería de Economía e Industria, Arigal e os concellos de Sandiás e Xinzo de Limia.
A actividade reuniu a 35 participantes nun percorrido con saída e chegada no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela.
As Areeiras da Limia reivindican o seu valor xeolóxico e ambiental
O roteiro foi dirixido polo xeólogo Eduardo González Clavijo, da Sociedade Xeolóxica de España. Este explicou a formación da conca da Limia, o proceso de extracción da area e a transformación das antigas explotacións en lagoas con elevado valor ecolóxico.

Na actividade participou tamén o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila. Fernández destacou a importancia do patrimonio mineiro galego e a súa integración nos principios de sustentabilidade e economía circular que promove a Xunta de Galicia.
Os asistentes visitaron diferentes puntos de interese, entre eles o Pico Costoira. Alí puideron observar a conca da Limia e as principais serras que a rodean, ademais dunha explotación de area en activo e varias zonas renaturalizadas.
A xornada serviu para divulgar o patrimonio xeolóxico e mineiro da comarca e dar a coñecer iniciativas como o novo tótem informativo instalado en Sandiás. Este ofrece información dixital sobre as Areeiras da Limia e a súa biodiversidade.

