O BNG de Barbadás reclama á Xunta e ao Goberno municipal que impulsen a construción do instituto de Educación Secundaria e Bacharelato que o municipio leva máis de 15 anos reclamando.
A formación nacionalista presentou unha moción para reclamar esta infraestrutura, que considera necesaria ante o crecemento da poboación. Barbadás, con máis de 11.000 habitantes, é o único concello galego desa dimensión que non dispón de instituto, segundo sinala o BNG.
O BNG pide á Xunta que impulse o instituto de Barbadás
Os nacionalistas destacan que o centro permitiría reducir desprazamentos, facilitar a conciliación familiar e diminuír os custos de transporte. Tamén permitiría dotar o municipio dun equipamento educativo propio.

A candidata do BNG ás eleccións municipais, Mónica Valencia, critica que esta demanda quede relegada pola situación política do Concello. “Levamos 15 anos de promesas desde a Xunta”, sinala, ao tempo que denuncia os “vaivéns de intereses persoais e partidistas” do Goberno municipal.
Valencia tamén cualifica de “bochornosa” a situación política actual e cuestiona a dimisión dun concelleiro de Democracia Ourensana. “Barbadás non é unha sucursal de Ourense, nin de DO, nin do PP, nin pode estar sometida ao que lle conveña ao señor Valcárcel para a súa supervivencia política”, afirma.
O BNG defende que o Concello debe asumir un papel activo para impulsar o proxecto e evitar que a Xunta continúe adiando a construción do instituto.

