O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno do 2 de novembro unha moción para mellorar as condicións laborais do persoal das escolas infantís de 0 a 3 anos, con salarios xustos, redución das ratios e implantación da parella educativa.
A concelleira Marga Pérez Fernández defende que a calidade educativa require profesionais recoñecidas e recursos suficientes.
O PSdeG de Barbadás reclama melloras nas escolas infantís
A iniciativa tamén reclama que a Xunta recoñeza esta etapa como un ciclo educativo con identidade propia.

A moción pon o foco na Escola Infantil Municipal da Valenzá, que atende preto dun cento de menores e conta con doce profesionais. O grupo socialista alerta de que as dificultades para cubrir baixas e ausencias poden aumentar a sobrecarga laboral e comprometer a atención.
Por iso, propón que o Concello planifique a implantación progresiva da parella educativa, mellore a cobertura das substitucións e revise os recursos humanos e materiais do servizo.
A iniciativa tamén insta a Xunta, as patronais e as administracións competentes a negociar un convenio colectivo con melloras salariais e a reducir progresivamente as ratios por aula.

