O PSdeG-PSOE de Ourense pide reducir as tarifas da piscina termal das Burgas, ampliar as bonificacións e establecer unha data para a súa reapertura.
As socialistas cuestionan o novo bono de 30 euros para dez baños, anunciado polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, apenas unha semana despois da aprobación inicial da ordenanza.
O PSdeG reclama baixar os prezos das Burgas e fixar a reapertura
A portavoz municipal e candidata á Alcaldía, Natalia González Beneitez, considera que esta medida evidencia as limitacións do texto aprobado coa abstención do PP. O grupo socialista votou en contra pola entrada de sete euros por dúas horas, a falta de garantías sobre a xestión pública directa e a ausencia dunha data de apertura.

As socialistas propoñen rebaixar a entrada ordinaria e ampliar as tarifas sociais e familiares, ademais de incorporar bonificacións específicas para a mocidade. Critican que o acceso a un prezo reducido dependa de adiantar 30 euros ou contratar un bono mensual.
O PSdeG tamén reclama que a piscina continúe como un recurso público xestionado directamente polo Concello. «As Burgas é patrimonio da veciñanza e ten que estar ao seu servizo, non só ao das persoas que nos visitan», defende González Beneitez.
A formación lembra que as instalacións permanecen pechadas desde marzo de 2020 e insiste en que, máis alá dos cambios nas tarifas, segue sen haber unha data concreta para a súa reapertura.

