Colaboraciones

Abrindo camiño, paso a paso, cara o Arquivo Histórico Provincial de OURENSE

Abrindo camiño, paso a paso, cara o Arquivo Histórico Provincial de OURENSE = AHPOU. Artigo de Rosa Martínez Rodríguez, Concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense.

O arquivo histórico provincial de Ourense acaba de ser posto a disposición dos cidadáns de Ourense,  como ben recalcou o Ministro de Cultura, Sr. Miguel Iceta, na súa recente visita o pasado 8 de setembro. Esta é unha  importante infraestrutura cultural  moi necesaria para a nosa cidade.

A tenor das verbas do Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, Sr. Roman Rodríguez, diante dos medios de comunicación, quedou inaugurada nesta recente visita a súas dependencias, acontecida este mes que acaba de rematar. 

Dita Institución, o antigo AHPOU, estaba daquelas na Rúa Hernán Cortes, 2. Correspondía á parte de arriba do Antigo Palacio Episcopal. Eu tiven posibilidades de incorporarme ó seu cadro de persoal con dúas persoas máis, eramos a primeira promoción da Xunta de Galicia que traballabamos maña e tarde, si leen ben vostedes, maña e tarde, así foi a miña primeira pisada en dita Infraestrutura Cultural.

Alí comecei a ter contactos co mundo da Cultura, empapeime no traballo dun arquivo, no día a día da Institución. Estaba descubrindo a xente que lle dedica tempo a iso que se deu en chamar CULTURA, o que algúns chaman “os culturetas”. Comecei a apreciar os:

  • libros,
  • legajos,
  • protocolos notariais de máis de 100 anos,
  • os foros,
  • o catastro de Ensenada,
  • a ler e ver documentación cun gran valor histórico,
  • documentación das Institucións relixiosas da provincia de Ourense (mosteiros, conventos, colexiatas),
  • fondos históricos da cidade de Ourense dende a época medieval,
  • dos Concellos da Provincia,
  • documentación da desamortización ou da Prisión.

De feito, o documento máis antigo data do século XI, co que podemos afirmar que mil anos de historia está contida en aproximadamente tres millóns de documentos, que ocupan máis de 5.500 metros lineais. 

Abrindo camiño, paso a paso, cara o Arquivo Histórico Provincial de OURENSE

Abrindo camiño, paso a paso, cara o Arquivo Histórico Provincial de OURENSE

O AHPOU, fai de Arquivo Intermedio, ademais de Arquivo Histórico. Isto é cando a documentación procede dun Arquivo Central dun Ministerio ou doutra administración e leva neste último (Arquivo Central) 15 anos, onde se recolleu a documentación administrativa, ordenouse, clasificouse e custodiouse, nunha fase semi-activa. Esta fase de Arquivo Intermedio permanecerá uns 25 anos ata pasar ó Arquivo Histórico Provincial. 

É moi importante contar cunha infraestrutura cultural na nosa cidade desta entidade. Non só pola súa función, senón por tratarse, á súa instalación, dunha xoia de estilo medieval, con dous claustros, un gótico e un barroco, que foi declarado Monumento Histórico-Artístico no ano 1923, BIC= Ben de Interese Cultural.

A súa rehabilitación para darlle un contido cultural e ó servizo público dos cidadáns, débese ós Arquitectos Casabella e Raído. Entre outros premios, obtiveron a mención especial dos Premios de Arquitectura e Urbanismo no ano 2020, outorgada polos Colexios de Arquitectos de España. Está enclavado nun entorno conxuntamente co Cemiterio de San Francisco, a Biblioteca Pública de Ourense Nós, a Escola de Artes Escénicas, o Auditorio Municipal de Ourense e a Escolma da Escultura, onde se expón a peza do mes, pendente do remate das obras do Museo Arqueolóxico, constitúe un complexo cultural o de San Francisco, cunha beleza e un valor arquitectónico e cultural sen parangón, na nosa cidade e provincia.

É un dos arquivos máis ricos de España, polos fondos existentes nel, que se conservan en depósitos climatizados que garanten a duración de dita documentación co paso do tempo. Prestan un servizo a sociedade, cunhas instalacións cómodas e modernas, nas que se conxugou a beleza do Edificio coa funcionalidade á que dedica, un luxo para a nosa cidade.

Arquivo Histórico Provincial de OURENSE

As prestacións que brinda ós nosos cidadáns son moitas, para elo, conta con:

  • salas de consulta,
  • salas de exposicións permanentes e temporais,
  • gabinetes pedagóxicos,
  • salón de Actos, e
  • talleres de restauración que permitiran aumentar o tempo de durabilidade desta toda riqueza cultural.

É un edificio Público de Titularidade Estatal e de Xestión Autonómica. Este tipo de infraestruturas realiza un servizo ós cidadáns e tamén as propias administracións xa que poden facer distintas tarefas, entre elas:

  • consulta directa de documentación,
  • consulta documentación por medios telemáticos,
  • copias de documentación,
  • emisión de informes,
  • compulsas e certificacións,
  • préstamos de documentación a outras Administracións para exposicións,
  • visitas guiadas,
  • campamentos de conciliación, e
  • outras actividades pedagóxicas e de difusión de todo tipo. 

Dende estas liñas quero chamar a atención da Concellería de Turismo do Concello de Ourense. Promovendo  e divulgando mediante rutas, roteiro, visitas, entre visitantes, e ourensáns que se achegan a dita oficina municipal, poñendo en valor o Complexo Cultural de San Francisco, que semella estar escondido polas nosas Institucións.

Eu, dende estas liñas, invito a todos/as veciños/as de Ourense a visitalo. Antes de coñecer outros sitios, que tamén, vexamos a riqueza da nosa cidade, fagamos deste complexo cultural, a nova ATENAS, nesta bela Auria.  

Rosa Martínez Rodríguez, Concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba