O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno do vindeiro 6 de xullo unha moción para reclamar a ampliación do horario da Casa da Mocidade durante as tardes das fins de semana e nos períodos de vacacións escolares.
As socialistas consideran que o horario actual é insuficiente, xa que o servizo permanece pechado nos momentos nos que a maior parte da mocidade dispón de máis tempo libre. O obxectivo, segundo explican, é ofrecer alternativas de lecer saudable, participativo e accesible.
O PSdeG de Barbadás pide ampliar o horario da Casa da Mocidade
A concelleira Noemí Pintos defende que a Casa da Mocidade debe funcionar como un verdadeiro espazo de encontro e participación xuvenil e lembra que este modelo de apertura ampliada xa funcionou con éxito en anos anteriores.

A iniciativa tamén solicita reforzar os recursos humanos do servizo, impulsar unha programación estable de actividades e completar a instalación da persiana de acceso ás dependencias, un procedemento iniciado hai meses e aínda sen executar.
Desde o PSdeG sosteñen que a medida contribuiría a mellorar un servizo público que beneficia á mocidade e ás familias do municipio.

