A Asociación Amigos do Patrimonio de Toén organiza o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas 2025, unha andaina cultural que unirá Couxil (Cartelle) con Toén.
O percorrido atravesará as terras de Barbadás e diversos puntos de interese histórico da contorna.
A Andaina Cultural unirá Couxil e Toén no Día das Letras
Esta actividade leva por nome «Saudade de Couxil» e busca conmemorar a poesía popular oral, transmitida maioritariamente polas mulleres ao longo das xeracións.
A iniciativa quere tamén reivindicar a profunda ligazón histórica entre Couxil e Toén, dúas parroquias unidas por séculos de relacións relixiosas e culturais. Ata o ano 1894, Couxil foi un anejo eclesiástico da parroquia matriz de Toén, e os seus veciños empregaban un camiño tradicional —coñecido como o Camiño dos Mortos— para participar nos oficios relixiosos ou ser enterrados no cemiterio da vila matriz.
A andaina recuperará simbolicamente ese traxecto entre as igrexas de Couxil e Toén, cun itinerario que pasará polos concellos de Cartelle, A Merca, Barbadás e Toén. Ao longo do camiño faranse paradas en espazos de valor cultural e histórico, como o Castro de Coto de Frades (Pereira de Montes), o Castro de Trelle —escavado polos ilustres arqueólogos Florentino López-Cuevillas e Jaime Pérez-Colemán— ou a localidade natal de Áurea Rodríguez, considerada a primeira gaiteira documentada de Galicia, símbolo da nosa música tradicional tanto aquí coma na emigración.

Durante o percorrido, realizaranse pequenas intervencións explicativas para recuperar a memoria colectiva da zona. A andaina será tamén unha homenaxe a destacadas figuras da cultura galega vencelladas a esta terra, como os irmáns Augusto María e Álvaro de las Casas, ou Juan Antonio Saco e Arce, cuxo compromiso coa lingua e a identidade galega segue vixente hoxe.