A Xunta de Galicia aprobou a creación dunha Área de Rehabilitación Integral (ARI) no concello de Cortegada, a primeira deste municipio, co obxectivo de impulsar a rehabilitación de vivenda e mellorar o espazo urbano.
O delegado territorial, Manuel Pardo, trasladou ao alcalde, Avelino de Francisco, que esta medida permitirá acceder a fondos autonómicos e estatais para actuacións de urbanización e mellora de inmobles.
Cortegada contará cunha nova área de rehabilitación
A área delimítase na parroquia de Santa María e abrangue 36.780,59 m², zona onde se concentran os principais servizos.

Pardo destacou que a iniciativa busca recuperar vivenda existente e favorecer o asentamento de poboación, máis alá da construción de obra nova.
En Galicia existen 79 ARI en 46 concellos, ademais de tres supramunicipais. Na provincia de Ourense, Cortegada súmase a outros 14 municipios con esta figura.
Axudas á rehabilitación
Na visita, o delegado comprobou tamén unha vivenda municipal rehabilitada con 50.000 euros de investimento, destinada ao alugueiro social.
A Xunta destina este ano 2,1 millóns de euros a concellos de menos de 30.000 habitantes para rehabilitación de inmobles públicos, cunha axuda máxima de ata 65.000 euros por vivenda.

