A Asociación Española Contra o Cancro en Ourense reforza a súa presenza en Viana do Bolo tras manter unha reunión institucional co alcalde, Germán García-Ávila, para impulsar novas vías de colaboración e achegar os seus servizos á veciñanza.
No encontro participaron a xerente provincial, Judit Vega, e a profesional da entidade, Kelly Pereira, quen explicaron o traballo que desenvolve a Asociación en ámbitos como a prevención, a atención ás persoas con cancro e ás súas familias e o papel esencial do voluntariado no ámbito local.
A Asociación Contra o Cancro reforza presenza en Viana
O rexedor mostrou a súa disposición a colaborar en iniciativas centradas na sensibilización, a información e o acompañamento, subliñando a importancia de garantir o acceso a estes recursos nos concellos do rural.

Charla aberta e novo grupo de voluntariado
Tras a reunión, celebrouse unha charla informativa aberta á cidadanía, na que participou unha vintena de persoas. Durante a sesión, déronse a coñecer os programas e servizos da entidade, así como as opcións de colaboración como voluntario ou voluntaria.
Como resultado, constituíuse un grupo inicial de voluntariado en Viana do Bolo, que permitirá impulsar accións de prevención, información e apoio no municipio, en coordinación coa entidade provincial.
A xerente, Judit Vega, destacou que “reforzar a presenza da Asociación nos concellos rurais é clave para garantir a igualdade no acceso á prevención, á información e ao acompañamento fronte ao cancro”, ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello e da veciñanza.

