O programa “Barbadás Concilia Verán” 2026 abre o prazo de inscrición para ofrecer actividades de conciliación familiar nos meses de xullo e agosto, organizadas polo Concello de Barbadás.
A iniciativa desenvolverase de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 h, dirixida á cativada nacida entre 2014 e 2022, con propostas lúdicas e educativas en diferentes parroquias e espazos do municipio.
Barbadás abre inscricións para Concilia Verán 2026

240 prazas por quincena en distintos puntos
O programa oferta 240 prazas en cada quincena, distribuídas en grupos de 20 participantes por localización. As actividades desenvolveranse en A Valenzá —nas modalidades Urbán “A” (nados entre 2020 e 2022) e Urbán “B” (2014-2019)— e tamén en Barbadás, As Lamas, Piñor, Sobrado, Bentraces, Parada, Loiro, Finca Fierro, Fonsillón e Santa Uxía.
Cada grupo contará cun mínimo de 8 participantes para a súa realización e o número de monitores adaptarase ás ratios establecidas unha vez se publique a listaxe provisional.
Quendas ao longo do verán
As actividades organizaranse en catro quendas quincenais:
- Do 1 ao 15 de xullo
- Do 16 ao 31 de xullo
- Do 3 ao 14 de agosto
- Do 17 ao 31 de agosto
Prazos e proceso de inscrición
O prazo para presentar solicitudes estará aberto do 23 de marzo ao 3 de abril de 2026. A listaxe provisional de admitidos/as publicarase o 20 de abril, mentres que o período de pagamento será do 21 de abril ao 5 de maio. A listaxe definitiva coñecerase o 8 de maio.
As inscricións poderanse formalizar de maneira telemática a través da sede electrónica municipal, presencialmente no rexistro do Concello ou nas oficinas municipais da Valenzá.

