O BNG reitera a súa aposta pola moción de censura no concello de Ourense e anima ós outros partidos a realizala «se pode ser mañá, mellor que dentro de dous días».
Luís Seara, Rhut Reza, Xosé Manuel Puga e Erea Blanco compareceron ante os medios de comunicación para informar sobre o proceso de negociación para presentar unha moción de censura en Ourense.
O BNG aposta pola moción de censura en Ourense
Na segunda reunión entre os tres partidos da oposición, o representante do BNG entregou un documento firmado coa sinatura número 14. «Faltan as trece restantes, sete do PP e seis do PSOE, se asinan, en once días Jácome deixa de ser Alcalde», sinalaron desde o BNG.
Seara indicou que «se algo demostrou o BNG nestas segunda reunión foi responsabilidade, coherencia e xenerosidade. Responsabilidade porque somos plenamente conscientes da situación pola que está a atravesar o noso concello, unha situación analizada no documento que onte vos entregamos».
Para o partido nacionalista, «a prioridade neste momento é sacar a Jácome da Alcaldía». Esta situación é contraria á expresada polo PSdeG-PSOE e o PP que queren pactar previamente un programa de goberno.

«O BNG fai o que dí e dí o que fai. No mandato pasado propiciamos unha reunión para falar dunha moción de censura, á que o PP non acudiu. Hai un ano, no Pleno de investidura votamos ao candidato do PSOE podendo facelo por nós e agora dicimos o mesmo, moción de censura si, pero co Alcalde ou Alcaldesa do PSOE», lembrou Luís Seara.
Os representantes do BNG indican que «non ímos participar de máis reunións que non sexan para clarificar a moción de censura. Non podemos facerlle perder o tempo á xente e xerar falsas expectativas que o único que contribúen é a crear máis frustración».