Noticias

O BNG propón habilitar aparcadoiros na Valenzá

O BNG de Barbadás propón habilitar novas zonas de estacionamento na Valenzá para facer fronte aos problemas de tráfico derivados do crecemento urbanístico das últimas décadas.

Segundo explica o portavoz nacionalista, Sarín Núñez, o incremento de poboación rexistrado nos anos noventa e primeiros dous mil “non veu acompañado da dotación de servizos públicos e sociais necesarios”.

O BNG propón habilitar aparcadoiros na Valenzá

Neste sentido, sinala que a falta de planificación urbanística derivou en rúas estreitas, con fortes pendentes e unha “evidente escaseza” de prazas de aparcamento.

O BNG propón habilitar aparcadoiros na Valenzá
Foto: BNG

“É habitual observar problemas de tráfico e vehículos estacionados en dobre fila, especialmente na Avenida de Celanova”, apunta Núñez, quen considera necesario adoptar medidas para dar solución a esta situación.

O grupo municipal pon como referencia actuacións desenvolvidas noutros concellos galegos como Verín ou Pontevedra, onde a creación de zonas de estacionamento próximas aos núcleos comerciais contribuíu a desconxestionar o tráfico e mellorar o acceso aos servizos.

A proposta do BNG céntrase en aproveitar solares sen uso situados en puntos estratéxicos da Valenzá. A formación suxire establecer acordos cos propietarios mediante contratos de cesión de uso, que permitan empregar estes terreos como aparcadoiros mantendo o dereito de propiedade e facilitando a súa recuperación no futuro.

Como incentivo, o BNG expón a posibilidade de aplicar bonificacións fiscais, como a condonación do IBI durante o período de cesión ou outras compensacións económicas.

Ademais, Núñez considera que estas actuacións poderían estenderse tamén aos núcleos rurais do municipio, onde a configuración urbanística dificulta o estacionamento, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e a mobilidade en todo o concello.

Botón volver arriba