Os Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia prevén mobilizar arredor de 8,5 millóns de euros en vendas nesta primeira convocatoria de 2026. Así o destacou o delegado territorial, Manuel Pardo, durante unha visita á ferraxería El Greco.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 2,5 millóns de euros, cun investimento global previsto de 5 millóns en 2026. O programa conta xa con 5.736 establecementos adheridos en Galicia, dos que 810 son da provincia de Ourense.
Os Bonos Activa Comercio prevén 8,5 millóns en vendas
Pardo destacou a boa acollida da iniciativa, que busca impulsar o consumo no comercio local e reforzar a súa competitividade. Os bonos forman parte do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, e no último ano acadaron máis de 22,3 millóns de euros mobilizados.

Os descontos aplícanse mediante QR: 5 euros en compras de 20 a 30 euros, 10 euros entre 30 e 50 euros e 15 euros a partir de 50 euros. Cada persoa pode descargar un único bono e o programa manterase ata esgotar os 2,5 millóns de euros en descontos.

