Noticias

Cristina Pato, galardoada co Premio Clara Campoamor

A artista ourensá Cristina Pato Lorenzo foi distinguida co XIX Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades, un galardón que recoñece o seu compromiso e traxectoria profesional en diversos eidos.

O xurado, que decidiu por unanimidade concederlle o premio, destacou que Pato “reflicte con total merecemento o espírito deste galardón”.

Cristina Pato, galardoada co Premio Clara Campoamor

A acta do xurado, que se reuniu esta mañá nas dependencias da Concellería de Igualdade, pon en valor a extensa traxectoria da galardoada. Formada no Conservatorio Municipal de Música de Ourense, ingresou con só seis anos na Real Banda de Gaitas de Ourense. Aos 18 anos publicaba o seu primeiro disco, Tolemia, converténdose na primeira muller en gravar un traballo en solitario como gaiteira en España. O seu percorrido musical levouna a obter numerosos recoñecementos, entre os que destaca un Grammy en 2017 como integrante da banda Silk Road Ensemble, ademais da Medalla Castelao no mesmo ano.

Cristina Pato, galardoada co Premio Clara Campoamor
Cristina Pato

O xurado salientou que a contribución de Cristina Pato non se limita á música, senón que se estende ao eido da educación e a divulgación. Como docente e investigadora, desenvolveu un modelo de ensino que conecta as artes coas humanidades e as ciencias, colaborando con prestixiosas universidades de todo o mundo. Ademais, no 2022 publicaba a súa primeira novela, No día do seu enterro, editada por Galaxia.

O xurado do premio estivo composto por Noa Rouco Ferreira, concelleira de Igualdade, que actuou como presidenta; Stella Estrada Mosquera, de ValoReSC innovation; Milagros Sierra Gómez, da Federación Limiar; Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense; e Elena Cid Muñoz, funcionaria da Concellería de Igualdade, quen exerceu de secretaria.

Cristina Pato, galardoada co Premio Clara Campoamor
Foto: Concello de Ourense

Con este recoñecemento, Cristina Pato súmase á listaxe de mulleres distinguidas co Premio Clara Campoamor, un galardón que valora o traballo en prol da igualdade de oportunidades e a loita pola visibilidade da muller en distintos ámbitos da sociedade.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.