Desde o grupo municipal do BNG denuncian o caos organizativo que está ocorrendo no concello de Ourense con traslados de persoal sen un criterio definido.
«Unha situación de caos absoluto que mesmo pode derivar no colapso de algúns dos Servizos pois o persoal xa non sabe nin cal é o seu posto de traballo nin as funcións que ten que desenvolver» indican desde o BNG.
Denuncian o caos organizativo no concello de Ourense
Entre os departamentos que estarían afectados destacan segundo o BNG as concellerías de Urbanismo ou a de Medio Ambiente. «Estase mudando ao persoal de sitio de maneira permanente dentro do propio edificio e atribuíndolle cometidos diversos a funcionarios cunhas encomendas, en principio moi definidas, como poden ser os técnicos, arquitectos ou aparelladores que agora teñen que facer tamén funcións administrativas ou mesmo de atención ao público» destaca Luís Seara.
Tamén estaría afectada a actividade da Oficina de Rehabilitación «paradigma do despropósito, do desleixo e da incapacidade do actual Rexedor para dirixir o Concello». Esta situación «responde a unha estratexia perfectamente definida polo Alcalde, a de xerar caos e desconcerto, a de levar a situación ao límite do colapso para ter a escusa perfecta para cargar de novo contra as e os traballadores municipais e xustificar os seus continuos incumprimentos amparándose na neglixencia, na mala fe e na desidia do funcionariado, algo que é radicalmente falso», sinala Seara.