Descubrindo o CIM de Maceda atopamos a colaboración de Ana Álvarez, directora do centro, que nos abre as portas da institución.
Afondar na actividade dun dos Centros de Información á Muller da provincia de Ourense fai posible que saia á luz unha intensa labor a favor da igualdade.
Descubrindo o CIM de Maceda
O Centro de Información á Muller de Maceda leva en marcha dende ano 2005, sendo un dos primeiros CIMs que se crearon na provincia. O cadro de persoal está formado por unha asesora xurídica e unha psicóloga, que fai tamén as funcións de dirección do centro. A área de influencia os concellos de Maceda, Baños de Molgas, Xunqueira de Espadanedo, Xunqueira de Ambía e Paderne de Allariz.
Trátase dun servizo pertencente á Concellería de Servizos Sociais, e o seu labor está moi vinculado aos servizos sociais de atención primaria e a outros departamentos municipais, como educación familiar, ADL, escola infantil, etc… cos que desenvolve un traballo en rede.
O labor diario no CIM comprende atención psicolóxica e asesoramento xurídico ás mulleres en situación de vulnerabilidade; sendo prioritaria a atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero e tamén ás súas fillas/os e persoas dependentes ao seu cargo.
Colaboración institucional
Nesta liña, o Concello de Maceda conta con órganos que garanten a coordinación entre as e os profesionais que traballan na atención ás vítimas. Tamén facilitan a colaboración entre as diferentes institucións e colectivos sociais que realizan actuacións de prevención contra as violencias machistas. O Protocolo de Coordinación Interinstitucional en materia de Violencia de Xénero publicado no ano 2011 e a Mesa Local de Coordinación (MLC) posta en marcha en xaneiro do 2020 co obxectivo de favorecer o traballo conxunto a prol da sensibilización en torno á igualdade de xénero de cara á veciñanza e ás institucións; coordinando as accións promovidas dende as diferentes áreas, e facilitar a coordinación das e dos axentes implicados na loita contra as violencias de xénero.
Dende o pasado mes de xullo, o Concello de Maceda conta asemade cunha Xunta Local de Seguridade, constituída co obxectivo de facilitar a cooperación e a coordinación das forzas e corpos de seguridade que interveñen no ámbito municipal. Entre outros asuntos, acordouse a incorporación do corpo da Policía Local ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero (VIOGÉN).
Actividades e programas
Ademais da atención directa ás usuarias, dende o Centro de Información á Muller levamos a cabo a difusión das actividades e programas de posible interese para as mulleres; así como das axudas e subvencións convocadas por diferentes organismos, e distribuímos os materiais das campañas de sensibilización e prevención autonómicas e estatais.
Colaboramos co programa “Acompáñote”, posto en marcha no ano 2020 para atender as situacións de soidade, realizando seguimentos telefónicos naqueles casos nos que se observa a necesidade de acompañamento psicolóxico, e tamén co programa “Mañanceiros”, medida municipal de conciliación destinada a facilitarlles ás familias un espazo e un tempo lúdico-educativos para as crianzas antes e despois da xornada escolar e durante os períodos non lectivos, tramitando as axudas para o seu desenvolvemento.
Con motivo do 8 de marzo e do 25 de novembro poñemos en marcha actividades encamiñadas á promoción da Igualdade e á prevención das violencias de xénero na Escola Infantil “Contacontos”. Contando coa colaboración das educadoras que traballan no devandito servizo, e nos centros educativos (C.E.I.P. de Maceda e I.E.S. San Mamede), ademais de campañas de prevención e sensibilización dirixidas a outros colectivos específicos, como as mulleres xitanas e as mulleres maiores, e á poboación xeral.
Formación
Apostamos tamén polo desenvolvemento de accións formativas que favorezan a empregabilidade das mulleres, tendo en conta a realidade do noso Concello. Neste senso, no ano 2020 impartíronse cursos de formación en Habilidades Comerciais e de preparación das Competencias Clave de niveis 2 e 3. Para este ano temos programado un curso de Atención a persoas en situación de dependencia (nivel básico), que dará comezo a mediados do mes de setembro.
Neste momento estase a desenvolver o programa Espazo Mulleres, que se abriu no mes de maio cun obradoiro de danza orgánica, continuando con obradoiros de risoterapia e mindfulness. No mes de setembro abriranse obradoiros de elaboración de conservas, xabóns e cosméticos naturais, monográficos de coidado da saúde e o programa “Mímate”, dirixido a promover o autocoidado e favorecer o desenvolvemento da autoestima, a través das flores e o proceso floral, utilizando ferramentas como o collage, a escritura e a fotografía.
Para o mes de novembro estase a programar unha nova edición da campaña “Maceda contra as violencias machistas”. Incluirá, entre outras actuacións, a 14ª edición da Andaina contra as Violencias Machistas, cun percorrido circular de 10 quilómetros.
Consideramos imprescindible manter e reforzar este tipo de servizos, especialmente nas zonas rurais onde o acceso aos recursos é máis difícil. Garantir a atención especializada ás mulleres vítimas da violencia de xénero ou en situación de vulnerabilidade, e tamén para sensibilizar á poboación e lanzar medidas de prevención destas violencias, especialmente entre a poboación máis nova.
Ana Álvarez González – Psicóloga e directora do centro de Información á muller de Maceda.