Francelos renovará o seu parque infantil grazas a un proxecto do Concello de Ribadavia que supón unha inversión de máis de 13.000 euros.
O parque infantil de Francelos é unha das infraestruturas de ocio máis demandadas polos máis cativos. Neste espazo, comparten xogos e actividades numerosos nenos e nenas da localidade.
Francelos renovará o seu parque infantil
O paso do tempo e a alta actividade que sofre o mobiliario do parque fai necesaria unha mellora das instalacións. Por ese motivo, desde o goberno municipal impulsaron un proxecto de remodelación que renovará as instalacións existentes para facelas máis cómodas e modernas.
Noelia Rodríguez Travieso, alcaldesa de Ribadavia, valora positivamente a realización deste proxecto a o apoio económico aportado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o Grupo de Desenvolvemento Rural Carballiño-Ribeiro. Estas entidades aportarán 9.000 euros que se suman á contribución municipal para alcanzar os 13.300 euros de inversión total.
As actuacións previstas supoñen a retirada de elementos que se atopan en mal estado como a varanda de madeira. Renovaranse algúns elementos de xogo infantís e instalarase nova cartelaría e un cerramento de madeira que delimite a zona de xogos. Un dos elementos que se incorporarán ó parque será unha formiga de gran tamaño.
Os aparatos de xogo que están en bo estado, serán lixados e repintados e serán instaladas papeleiras de reciclaxe para favorecer bos hábitos entre os máis pequenos.
A renovación do parque infantil de Francelos forma parte dun plan para mellorar os parques infantís de Ribadavia que están localizados fora da vila. Deste xeito, aquelas familias que se instalen nas distintas parroquias de Ribadavia, poderán dispor dos mesmos servizos para os seus fillos que os que viven na vila de Ribadavia.