Noticias

Desarticulada unha banda criminal que roubaba vivendas e cultivaba droga

A Garda Civil de Ourense desarticulou unha organización criminal dedicada ao roubo en vivendas habitadas e ao tráfico de drogas.

A información ofreceuna o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, durante unha rolda de prensa celebrada este xoves.

Desarticulada unha banda criminal que roubaba vivendas e cultivaba droga

O operativo, bautizado como Operación Vértigo, culminou coa detención de nove persoas tras dez meses de investigación.

Santos compareceu acompañado polo tenente coronel Rafael Berguillo, xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, e polo capitán da Unidade Organizada da Policía Xudicial, Juan José López Castro. Durante a súa intervención, o subdelegado gabou o “minucioso e rigoroso traballo” das forzas de seguridade que fixo posible desmantelar a rede delituosa.

Os detidos están acusados de 14 delitos contra o patrimonio, tenencia ilícita de armas, integración en organización criminal, branqueo de capitais e tráfico de drogas. A investigación céntrase en roubos perpetrados nos concellos ourensáns de Beariz e Avión no mes de xullo do ano pasado, aínda que a rede actuaba en todo o territorio estatal.

Segundo detallou Santos, realizáronse rexistros en vivendas situadas en Barcelona, Tarragona e Castellón. Como resultado, a Garda Civil incautouse de tres armas curtas e cinco plantacións de marihuana cun total de 2.100 plantas. Tamén incautaron dez quilogramos de hachís, cen quilogramos de marihuana envasada e preparada para a súa distribución, máis de 7.000 euros en metálico e produtos químicos para o procesamento de ouro.

Foto: Subdelegación do Goberno

A desarticulación desta organización, asegurou o subdelegado, “pon de manifesto a profesionalidade e a coordinación das Unidades de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense e da Unidade de Policía Xudicial da Zona de Cataluña”. Santos engadiu que agarda que os autores “fagan fronte á responsabilidade derivada do prexuízo causado ao patrimonio da cidadanía”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.