A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) homenaxeará á soprano coruñesa María Luisa Nache no Día das Artes Galegas 2027.
O plenario mensual da institución, baixo a presidencia de Manuel Quintana Martelo, tomou esta decisión na súa sede da Coruña tras unha votación regulamentaria.
María Luisa Nache será a homenaxeada nas Artes Galegas 2027
A soprano recibe este recoñecemento polos seus numerosos méritos profesionais, o seu maxisterio e o seu papel internacional. “Pola súa carreira inigualable, o seu labor docente e o seu significado como icona cultural, María Luisa Nache reúne todos os méritos para ser a protagonista do Día das Artes Galegas na edición de 2027, permitindo así que o pobo galego redescubra e celebre unha das súas artistas máis universais”, apuntan dende a propia academia.
Unha traxectoria musical internacional e o seu legado docente
A cantante coruñesa (1924–1985) está considerada a soprano galega máis destacada do século XX. A artista compartiu os escenarios máis prestixiosos do mundo con figuras da talla de Maria Callas ou Franco Corelli. Un dos fitos da súa traxectoria tivo lugar en 1953 no Teatro alla Scala de Milán, onde actuou baixo a batuta do director Leonard Bernstein.

Tras acadar o éxito internacional, Nache regresou á Coruña para centrarse nos recitais e na formación de novos talentos. A intérprete obtivo a cátedra de canto no Conservatorio da Coruña en 1973, exercendo un labor que deixou unha pegada pedagóxica indeleble. co seu traballo nas tempadas de ópera locais axudou a consolidar a tradición lírica coruñesa.
Xustiza histórica coas mulleres na ópera
A RAGBA entende esta homenaxe do próximo 1 de abril de 2027 como un acto de xustiza histórica. Esta institución busca dar visibilidade ás mulleres que alcanzaron a excelencia desde Galicia en disciplinas tan complexas como a ópera. A iniciativa deste día cultural naceu no ano 2015 en honra ao Mestre Mateo, e na pasada edición de 2026 estivo dedicada ao fotógrafo José Suárez.

