O Nadal do concello de Barbadás terá importantes novidades que permitirán gozar ós máis cativos dunhas festas especiais.
A presentación da programación da Nadal de Barbadás permitiu coñecer tódolos detalles dos eventos que están previstos. Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, Marga Pérez, concelleira de Cultura e Comercio, e Victoria Morenza, tenente de alcalde, foron os encargados de mostrar o programa de actividades.
O Nadal de Barbadás terá importantes novidades
Entre as propostas que o concello de Barbadás presenta para o Nadal 2022 atópase unha pista de xeo que estará instalada na Solaina. Esta instalación supón dar un paso cara adiante para mellorar a oferta lúdica durante o período do nadal. Tamén na Solaina estará instalada outra novidade como é a instalación dunha aldea de Nadal.
Toda esta programación comezará esta tarde co acendido da iluminación de Nadal. «A inauguración da iluminación do noso Nadal aquí en Barbadás, tanto nos pobos como aquí nas rúas da Valenzá e da gran árbore que todos os anos iluminamos será este venres día 2 as 18:30 da tarde”, indica Marga Pérez.
Diverlandia e ludoteca
Entre as moitas e variadas actividades programadas durante este período, non faltarán Diverlandia e a ludoteca de Nadal. Esta última actividade favorecerá a conciliación familiar e laboral ó ofertar 50 prazas para nenos e nenas de 3 a 12 anos. «Para que todas as mañás as familias poidan acudir os seus traballos e estes nenos/as poidan ter momentos de diversión cos diferentes obradoiros que están programados”, resaltou Marga Pérez.
Pola súa parte, Diverlandia terá lugar os días 3 e 4 de xaneiro durante a visita dos Reis Magos. 600 nenos poderán participar nesta actividade gratuíta na que non faltarán os inchables e obradoiros.
Papá Noel e o Apalpador en Barbadás
A programación de Nadal de Barbadás presta especial atención ós máis cativos. As primeiras actividades terán lugar a semana que ven con actividades programadas para os escolares dos colexios de Barbadás. Este alumnado recibirá tamén o día 22 de decembro a visita de Papá Noel que acudirá a recoller as cartas ós colexios. O 23 de decembro, este ser máxico recibirá na Aldea de Nadal a tódolos cativos.
Non faltará no Nadal de Barbadás a visita do Apalpador. Esta personaxe realizará un percorrido pola rúa principal da Valenzá saudando ós veciños e regalando un libro que conta a historia do Apalpador.
Pista de Xeo na Valenzá
Si hai unha actividade que está a espertar máis expectación entre os nenos e nenas do concello, esta é a pista de xeo. Esta instalación permitirá contar durante o Nadal dunha pista de 180 m2 que estará situada na Solaina. O prezo por usar esta instalación será de 3€ e contará con alugueiro gratuíto de patíns. O horario da pista de xeo será de 11 a 14h e de 16:30 a 20:30h entre o 23 de decembro e o 8 de xaneiro.
Por último, o Nadal de Barbadás tamén levará a cabo dous concursos que tódolos anos teñen unha alta participación. Por un lado, o Concurso de Escaparates onde se reparten 1750€ e o Concurso de balcóns, portais e xanelas.