Noticias

O PSOE pide en Parada de Sil non «volver aos tempos escuros»

O PSdeG-PSOE pide en Parada de Sil non «volver aos tempos escuros» durante un encontro coa veciñanza no que participaron o alcalde Aquilino Domínguez e os candidatos ó Congreso, Paco Magide e Noela Blanco.

Segue a campaña electoral que encara os últimos días cunha frenética actividade que fai que os partidos políticos se multipliquen para chegar a toda a veciñanza.

O PSOE pide en Parada de Sil non «volver aos tempos escuros»

No encontro mantido por representantes do PSdeG-PSOE con veciños e veciñas de Parada de Sil, a mensaxe principal estaba encamiñada a mostrar «que nos queren facer retroceder no tempo». Esta afirmación foi realizada polo alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, que puxo en valor a continuidade dun goberno «progresista e que avanza en materia de dereitos sociais, laborais e de igualdade».

Na intervención de Paco Magide, candidato ó Congreso e tenente de alcalde de Parada de Sil, destacou a valía do goberno socialista. «A política é mellorar a vida das persoas e se queremos obxectivos máximos acabamos perdendo o posible e mesmo votando en contra, como fixo o BNG, polo que para que España, Galicia e Parada avancen é imprescindible votar todos o PSdeG-PSOE».

O PSOE pide en Parada de Sil non "volver aos tempos escuros"
Foto: PSdeG-PSOE

O acto rematou coa intervención de Noela Blanco, candidata ó Congreso. «Só hai dous motivos polos que alguén non acude a un debate, por medo ou porque ten algo que ocultar e efectivamente Feijóo ten moito que ocultar porque no seu programa inclúe a baixada das pensións, a baixada do salario mínimo e deixar totalmente baleiro de contido, como xa fixo con Rajoy, a Lei de Dependencia que protexe aos máis vulnerables do noso pais» sinalou sobre a ausencia do candidato do PP no debate de RTVE. Sobre o goberno de Pedro Sánchez, recordou que «temos motivos dabondo para estar orgullosos do que se fixo durante estes 5 anos de Goberno, polo que non hai ningún motivo para non votar ao PSOE o vindeiro 23 de xullo».

Botón volver arriba