Noticias

O PSdeG de Barbadás propón un plan para mellorar os locais sociais

O PSdeG-PSOE de Barbadás defenderá no pleno ordinario do vindeiro luns unha moción coa que pretende impulsar novas actuacións de mellora, mantemento e dinamización dos locais sociais das parroquias do municipio.

A iniciativa socialista pon o foco nestes espazos, que considera fundamentais para a vida comunitaria, a actividade cultural e asociativa e a participación veciñal, especialmente nas zonas rurais máis afastadas do núcleo urbano.

O PSdeG de Barbadás propón un plan para mellorar os locais sociais

Segundo explicou a concelleira socialista Ana Belén Peleteiro, os locais sociais son infraestruturas clave para a cohesión territorial e o desenvolvemento do tecido asociativo. “O estado dos locais sociais define o modelo de concello que queremos: ou apostamos por uns espazos dignos e vivos, ou contribuímos ao seu deterioro e ao illamento do rural”, sinalou.

O PSdeG de Barbadás propón un plan para mellorar os locais sociais

A moción recolle diferentes medidas destinadas a reforzar a conservación, seguridade e funcionalidade destas instalacións. Entre elas figuran traballos de pintado e mantemento xeral, tratamentos protectores da madeira, actuacións contra a carcoma e a revisión de pechaduras e sistemas de acceso.

Ademais, o grupo socialista propón melloras no equipamento interior dos locais, coa instalación de estores de protección solar, armarios de almacenaxe e sistemas específicos para organizar material deportivo, co obxectivo de optimizar o uso dos espazos e favorecer a súa conservación.

Outro dos eixos da proposta é a elaboración dun plan municipal plurianual de mantemento e mellora dos locais sociais, que estableza prioridades de actuación, un calendario de intervencións e unha dotación económica suficiente para garantir a súa execución.

A iniciativa tamén aposta por reforzar a comunicación co tecido asociativo do municipio para detectar necesidades, mellorar a xestión dos espazos e responder con maior rapidez ás incidencias.

Botón volver arriba