O PSdeG-PSOE de Ribadavia asegura que a Deputación de Ourense confirmou a reparación do parque canino da Veronza tras a denuncia presentada polo Grupo Provincial Socialista polo estado da instalación.
Segundo explica a formación, a resposta da institución provincial contempla o desbroce da parcela e a substitución da malla do peche.
O PSdeG reclama unha reparación inmediata do parque canino da Veronza
Os socialistas consideran que esta contestación avala as súas críticas e lamentan que os trámites para cambiar a malla levasen iniciados desde abril sen que a actuación se executase.

“Resulta difícil entender que quen ocupa a vicepresidencia da institución provincial non fose quen de conseguir que unha instalación dependente da propia Deputación estivese en condicións”, sinalan desde o PSdeG, que tamén sostén que foi a súa denuncia a que impulsou o arranxo.
A formación agarda agora que os traballos se realicen “de maneira inmediata” e anuncia que vixiará o cumprimento do compromiso adquirido pola Deputación.

