¿Que é o 8M para Natalia González? Concelleira en Ourense
Resulta difícil sintetizar e resumir sen empregar demasiados termos utilizados de xeito recorrente nos últimos tempos, cal é o significado real que para calquera de nós pode ter o 8M. Por ese motivo eu quero mostralo dende o meu lado máis persoal e humano, para min o máis obxectivo e sincero, tratando de ser breve e clara para que poidades chegar a identificarvos comigo ou ollar outra percepción distinta ás vosas, que pretende ser positiva, respectuosa e enriquecedora.
O 8M é unha data simbólica ao igual que outras moitas que xa incorporamos ao noso calendario vital, que busca obrigar a todos a facer un alto no camiño para a reflexión, o balance e a visibilización dos novos retos que aínda nos quedan por afrontar. É importante, sí, pero non creo que sexa unha data de celebración, senón unha paréntese no día a día que superamos, pelexando e loitando incesantemente, o resto dos 364 ou 365 días do ano.
Persoalmente, neste día non podo evitar que afloren en min moitas sensacións e sentimentos, incluso emoción, que nada ten que ver coa euforia, algo similar (pero non comparable) ao que podo chegar a
sentir noutros momentos do ano coma cando conmemoramos datas emblemáticas para o galeguismo, as nosas propias raíces ou tradicións.
Non hai palabras para explicar algo que forma parte de ti, do teu ADN, que te enriquece compartilo, incorporalo á túa filosofía de vida, aos teus obxectivos e a túa loita para ser unha mellor persoa e tamén, en certa medida, para contribuír a cambiar o futuro da sociedade e do mundo no que vivimos, dentro da túa pequena parcela de realidade.
Cando chega este día eu fago esa reflexión e ese balance, que creo que deberíamos facer todos. Penso na miña traxectoria vital, na miña educación, nas miñas propias experiencias, no desempeño do meu traballo, na gran responsabilidade de ser filla e nai, valoro o que aprendín e os erros que cometín e sinto dicir que, a pesar do avance social da loita feminista e dos dereitos adquiridos, na nosa man está seguir avanzando porque queda moitísimo por facer.
A desigualdade segue aí latente porque aínda non chegamos a acadar a unidade de acción necesaria para que sexa indiscutible cuestionar os nosos dereitos, a nosa valía e a nosa gran responsabilidade, que debe ser compartida coa outra parte do xénero humano en igualdade de condicións. Non pode ser que en pleno século XXI sigamos devaluando a unha muller polo feito de selo, nin atribuíndolle unicamente a ela a responsabilidade dos coidados, nin cortándolle as ás cando chegue a un punto na súa vida en que poida desenvolver unha carreira profesional á vez que queira ter fillos, xa está ben.
O eido no que agora levo a cabo a cabo o meu desempeño, a política, é se cadra un dos máis importantes para converter a acción feminista en transformadora e efectiva, para a adquisición de novos dereitos, para a consolidación dos acadados, para o respecto e defensa das liberdades
individuais, para a defensa e promoción da igualdade e da muller e para a erradicación da violencia machista.
Por este motivo, teño claro cal é o meu rol neste momento e o que debo facer para aportar o meu gran de area á mellora da sociedade, en tempos nos que na miña cidade se atopa nunha clara involución en políticas de igualdade, conciliación e respecto, atención e protección ás mulleres. O meu reto diario baséase en visibilizar ante a opinión pública os problemas, pedir respecto, demostrar con traballo e sacrificio que todas podemos ser o que queiramos ser, que debemos protexernos e defendernos, seguir a implicar ao xénero masculino tamén na nosa loita e así, todos xuntos, intentar contribuír a mellorar tanto as nosas vidas como a nosa propia sociedade.
Porque antes ca min o fixeron moitas mulleres e detrás miña deberán vir moitas máis. Non fai falta mirar moi atrás para ver os avances, pero tamén as eivas e os obstáculos que nos podemos atopar no camiño. Son tempos de resistencia e resiliencia, que esixen tamén que nos reinventemos e que atopemos neste 8M un espazo para desenvolver ese proceso interno necesario que nos axude a motivarnos para mellorar e seguir adiante, cada un no lugar que lle toca, porque todos somos imprescindibles e todos precisamos visibilizarnos e reivindicarnos individual e colectivamente.
Eu, neste 8 de marzo de 2021, miro atrás con certo grao de satisfacción polo que xa se acadou pero con gran preocupación polo contexto político, económico, sanitario e social no que nos atopamos, que está a dar lugar á crispación e pode dar lugar a un gran retroceso se non somos todos conscientes e estamos á altura das circunstancias.
O mellor exemplo para min de que merece a pena loitar é cando podes ver nos teus fillos eses valores reflexados, cando eles che explican a ti a importancia das mulleres na historia ou cando defenden a súa liberdade para decidir e entenden que o normal é a igualdade sen distincións e o respecto entre todos e todas, a pesar da súa curta idade. Aí é cando te das conta da importancia da educación e do exemplo que nós poidamos darlles, hai poucas pequenas vitorias que sexan tan gratificantes como esta.
Polo demais, cada un de nós temos o compromiso e a obriga de seguir adiante, avanzando para que algún día teñamos que falar dun día no que a igualdade de verdade sexa real e normal, no que as institucións e a política poñan todas as súas ferramentas en marcha para que isto ocorra, e no que as futuras xeracións miren atrás, fagan balance e reflexionen, para ser eles os que abandeiren outras loitas para cambiar o mundo, sen que haxan cuestións de xénero ou sexo que lles impidan poder afrontalas. Esa será sen dúbida a maior e má is gratificante de todas as vitorias, para min e penso que para todos.
Natalia González Beneitez – concelleira en Ourense