O concello de Ribadavia quere mellorar o exterior da Portanova e o camiño da Barca ata o Campo da Feira, motivo polo que solicitou axuda á Deputación e á Xunta de Galicia.
O proxecto «Humanización e embelecemento do Camiño da Barca no seu acceso ao Castelo dos Condes Sarmiento» ten como finalidade continuar coas actuacións de mellora da zona monumental de Ribadavia.
Ribadavia quere mellorar o exterior da Portanova
Este proxecto, cun orzamento de 48.398,31€ está á espera de recibir a necesaria colaboración institucional para ser executado. En maio de 2022, o concello de Ribadavia rexistraba este proxecto na Deputación Provincial. O financiamento para este proxecto non foi incluído nos presupostos de 2023 nin nas sucesivas modificacións orzamentarias da entidade provincial.
Tamén presentou o concello de Ribadavia unha solicitude ante a Xunta de Galicia para acadar unha achega económica para este proxecto. A petición de colaboración realizouse dentro do programa de subvencións a concellos para a mellora das súas infraestruturas turísticas solicitando 30.000€ e aportando o concello a diferencia con fondos propios.
O proxecto persegue a humanización dunha das zonas máis relevantes do Castelo de Ribadavia. A Portanova é unha das principais vías de acceso ó Castelo para os centos de visitantes que chegan a Ribadavia.
A eliminación da zona de estacionamento, supresión dos contedores de lixo soterrados e renovación do pavimento son as actuacións principais a realizar.