Seixalbo terá un mes de intensa actividade cultural grazas á labor realizada pola Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo que programou máis de trinta actividades.
Fai 35 anos, a asociación San Breixo organizaba a súa primeira semana cultural. Dende aquel 1987, este ciclo cultural foi acadando máis repercusión a cada edición que celebraba.
Seixalbo terá un mes de intensa actividade cultural
Nos últimos cinco anos, o que era unha semana medrou ata converterse nun mes dedicado á cultura. Dende o 2 de setembro ata o 9 de outubro, Seixalbo gozará dunha intensa actividade cultural que contrasta coa case nula oferta da cidade de Ourense durante a época estival.
Un dos elementos principais da 35ª edición destas xornadas culturais é o teatro. Ademais das obras «A Corredoira» (Teatro Prado Lameiro) e «Bajo el mismo sol» (Teatro Juan Soñador), os veciños de Seixalbo representarán «A peculiar familia Adams» ante o seu numeroso e fiel público. A actividade teatral complétase coas catro visitas teatralizadas que o grupo Platea Lúa representará baio o título «Seixalbo, camiño no tempo».
«Sons e Rúa» é outro dos elementos principais da programación. Espazo para público de tódalas idades, este programa conten música, pintura, graffiti, actividades infantís, xogos, deporte ou contacontos.
A Convivencia Intercultural, a Viaxe Cultural (ó Tibet portugués) ou a Andaina Solidaria (con recadación de fondos para o Banco de alimentos) non faltarán na programación de 2022. Tamén poderemos asistir a dúas conferencias («Enerxía eléctrica comunitaria» e «O fabuloso mundo das abellas»), Ioga, Pilates, unha exposición de pintura do artista Arturo Paredes e unha «Noite de tango».
A convivencia veciñal terá o seu espazo principal coa Cea de Socios e Socias e a Sesión Vermú con foliada popular e actuación dun grupo local de percusión. O Mes cultural de Seixalbo 2022 rematará co Concerto de Clausura no que actuarán os grupos Cantigas de Seixo e Trovare. Ámbolos dous grupos están vinculados á Asociación Cultural Agromadas, entidade cultural de Seixalbo.