Noticias

Solicitan a Medalla de Ouro da provincia para Xosé Cid

Os deputados provinciais do PSdeG-PSOE solicitan a Medalla de Ouro da provincia para Xosé Cid Menor, artista de Taboadela, pola súa traxectoria.

No próximo pleno da Deputación de Ourense que terá lugar este venres, 30 de outubro, os deputados do grupo socialista presentan unha moción para recoñecer o traballo artístico de Xosé Cid Menor.

Solicitan a Medalla de Ouro da provincia para Xosé Cid

O artista, nado en Santa Cruz da Rabeda, é unha das figuras máis relevantes do panorama artístico actual. Autor de obras como a Castiñeira, situada na rúa do paseo, o artista conta tamén con obras noutras cidades. O monumento a Breogán da Coruña ou o Afiador en Santiago de Compostela, son algunhas das máis relevantes.

«A curva de trazado sinuoso, de formas suxestivas ou rotundas; a curva de suaves redondeces, a curva de grandes volumes ou a curva na temática da figura humana» forma parte da linguaxe creativa de Xosé Cid. Na súa casa-museo da Pousa de Santa Leocadia, Xosé Cid prosegue coa súa produción artística traballando con distintos materiais.

Solicitan a Medalla de Ouro da provincia para Xosé Cid
Deputados do grupo socialista na Deputación de Ourense

«Hoxe estamos aquí para recoñecer e honrar o legado dun artista único que contribuíu poderosamente a proxectar e dinamizar a arte galega en xeral, e a produción ourensá en particular, e para pedir que se lle outorgue unha medalla máis que merecida a unha traxectoria extensa e extraordinaria», sinalou Álvaro Vila, deputado provincial e alcalde de Taboadela.

As declaracións do deputado provincial tiveron lugar durante a visita que os membros do grupo socialista na Deputación de Ourense fixeron á casa-museo do artista. Entre os recoñecementos outorgados á obra de Xosé Cid destacan a Medalla da Trienal de Santiago de Compostela e o Premio Mestre Mateo.

Botón volver arriba