O Pereiro de Aguiar acolle o I Trofeo Germán González o vindeiro 18 de abril en horario de tarde nas pistas de atletismo Josefina Salgado, nunha cita que combina competición e homenaxe ao atletismo local.
Este evento nace co obxectivo de ampliar a oferta deportiva no municipio e render recoñecemento a Germán González, unha das figuras máis destacadas e carismáticas do atletismo ourensán.
O Pereiro acolle o I Trofeo Germán González
Ademais, o trofeo servirá para conmemorar o 35 aniversario da Escola Atlética do Pereiro de Aguiar, entidade da que foi fundador e principal impulsor.

A presentación celebrouse nas propias instalacións deportivas e contou coa presenza de representantes institucionais e do ámbito deportivo, como Manuel Pérez, xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia; Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar e presidente da Deputación de Ourense; Maxi Fernández, presidente da Escola Atlética Ben Cho Shey; así como técnicos, federativos e atletas do club.
Durante o acto destacouse a traxectoria de Germán González como adestrador e formador, subliñando o seu papel clave na creación de varias xeracións de deportistas. A súa labor foi máis alá do rendemento deportivo, incidindo na transmisión de valores educativos e persoais a través do atletismo.
O I Trofeo Germán González preséntase así como unha celebración do deporte de base, do esforzo e do compromiso, e como unha homenaxe a quen deixou unha profunda pegada no atletismo e na sociedade ourensá.

